Agradezo a extensa entrevista publicada na revista STGO, e a coidada redacción de Paco Cortez- Lobao.
“En Compostela hai indicios do pasado romano por todas partes”
Carlos Sánchez-Montaña,
arquitecto e especialista en arqueografía.
Todo compostelán aprende que foi na Idade Media, co suposto descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago, cando se fundou a cidade de Santiago de Compostela. A capital de Galicia, en contradición con outras poboacións da nosa terra, non remonta as súas orixes ao tempo dos romanos ou a épocas aínda máis pretéritas. No século IX, di a lenda -recollida no século XI-, o ermitán Paio, residente na zona que hoxe ocupa a igrexa de San Fiz de Solovio, onda o Mercado de Abastos, viu unha chuvia de estrelas e sentiu cánticos celestiais sobre un punto determinado das proximidades. Estes sinais milagrosos marcaban a localización dunha tumba: a do Apóstolo Santiago. Alertado do prodixio o bispo Teodomiro de Iria Flavia, avisou o rei de Galicia Afonso II. Este monarca, que reinaba en Oviedo, ordenou que se erguese no lugar unha pequena igrexa. Andandoo tempo, formouse unha comunidade relixiosa e arredor dela medrou a cidade.
Este relato, porén, é abertamente cuestionado na actualidade por especialistas como Carlos Sánchez-Montaña. Este arquitecto, especializado en Proxectos, Historia e Urbanismo pola Escola Técnica Superior de Barcelona, traballa no estudo da antigüidade dende hai máis de 20 anos. Sánchez-Montaña identifica no trazado compostelán, na sombra de tempos idos que é aínda a cidade viva, un pasado romano que defende con vehemencia. Apaixonado polo coñecemento, en primeira persoa, do que define como “os segredos que garda a nosa historia esquecida”, conversa connosco nunha cafetería da Porta Faxeira, ao pé desa zona vella onde escoita ecos da antiga Roma. Durante toda a charla, contrapón as súas investigacións ao relato histórico hexemónico sobre a cidade, convidando a polo menos repensar o que se sabe e se ignora sobre as milenarias pedras compostelás. Así, defende que a Asseconia das crónicas é o nome romano de Santiago de Compostela, unha cidade imperial con entidade dabondo para albergar mesmoun anfiteatro.
Texto: F. Cortez-Lobao. Gráfica: Carlos Sánchez-Montaña
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Gracias por tu comentario. Será revisado por el administrador.